
A Coruña, 14 de febreiro de 2023. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Consorcio das Mariñas, José Santiso Miramontes, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a Clínica Xurídica da UDC inicia unha nova liña de traballo na zona das Mariñas.
A Clínica Xurídica “Xustiza Social” da UDC é un proxecto que comezou no curso 2017-2018 orientado a facilitar ao estudantado a realización de prácticas que atendan casos reais e, ao tempo que contribúen á súa formación, proporcionan un beneficio a colectivos vulnerables. Deste xeito, o alumnado complementa a súa formación xurídica-práctica e, á vez, actúa activamente para mellorar as respostas que desde o ámbito concreto do Dereito poden darse a aquelas necesidades reais da súa contorna social.
A clínica, que depende da Vicerreitoría de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, está dirixida pola profesora Carmen Garcimartín. Rocío Quintáns é a subdirectora e Xosé Manuel Carril, o secretario.
