A Clínica Xurídica “Xustiza Social” da Universidade da Coruña xorde no ano 2017, cando tres profesores da Facultade de Dereito presentamos un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) para o desenvolvemento das prácticas curriculares. O obxectivo era que os estudantes exercitaran competencias e habilidades adquiridas no Grao, ó tempo que axudaban a persoas en risco de exclusión ou en situación vulnerable.

A inclusión da metodoloxía ApS nas prácticas é novidosa na nosa universidade e abre un novo camiño para aqueles estudantes que desexan coñecer dunha maneira directa e inmediata unha realidade social distinta a que atopan noutros destinos de prácticas.

Ó proxecto inicial engadíronse outras iniciativas, como a elaboración do Traballo de fin de Grao ou a realización de prácticas extracurriculares. Deste xeito, ano tras ano, a Clínica atrae a novas entidades colaboradores e a novos titores, e amosa unha crecente demanda do alumnado para participar nos proxectos.

Curso 2017-2018

Primeiro proxecto de ApS nas prácticas curriculares. Recoñecido como proxecto de innovación docente da Universidade da Coruña (UDC).

Curso 2018-2019

Segundo proxecto de ApS

Curso 2019-2020

Terceiro proxecto de ApS. Primeiros TFG e TFM na clínica xurídica; un deles obtén o Premio da UDC en Cooperación e Educación para o Desenvolvemento

Organización da Xornada sobre clínicas xurídicas en colaboración co CUFIE – Universidade da Coruña 14 de xuño 2019.

Curso 2020-2021

Cuarto proxecto de ApS, que obtén o segundo premio a proxectos de innovación docente en Aprendizaxe-Servizo da UDC, modalidade “Reducción das desigualdades”

Comeza a colaboración co Centro Penitenciario de Teixeiro, onde se leva a cabo unha das actuacións da clínica.

Outros dous estudantes gañan, cos seus traballos, o segundo premio da UDC en Cooperación e Educación para o Desenvolvemento

Integración no grupo de traballo para o establecemento de estándares das clínicas xurídicas europeas – ENCLE

Curso 2021-2022

Quinto proxecto ApS.

Participación da clínica na Acción por Ucrania, coa implicación de dous alumnos e dous profesores titores. Presentación das guías elaboradas na Xornada da Red Española de clínicas jurídicas, Salamanca, 4 xullo 2022

Curso 2022-2023

Sexto proxecto ApS.

Incorpórase unha nova entidade, o Consorcio das Mariñas; os estudantes traballan coas asesoras xurídicas nos servizos sociais dos Concellos do Consorcio